A Asociación Marearte convoca o festival audiovisual “OlloBoi 2015” que se rexerá polas seguintes bases:
- Poderá participar calquera persoa ou grupo de persoas nacidas ou residentes en Galicia.
- As persoas participantes deberán pertencer ao ámbito escolar, incluíndo alumnado, profesorado, nais e pais e PAS. Os menores de 18 anos farano baixo a responsabilidade do seu titor ou titora legal.
- O concurso está dirixido a todos os niveis educativos: Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional, Universidade e Escolas Audiovisuais.
- Aceptaranse traballos de vídeo-creación (ficción ou documental) de duración preferentemente non superior aos 20 minutos.
- A temática e lingua dos traballos será libre, aínda que se valorará o uso do idioma galego, a sensibilidade medioambiental e social e o respecto ós dereitos dos animais.
- Valorarase que as imaxes e audios dos traballos sexan propiedade dos autores do vídeo, quen consinten na divulgación do material na rede, sempre co recoñecemento da súa autoría e dos seus dereitos (recoméndase que os rexistren baixo licenza Creative Commons). De non ser material propio, terase en conta que os recursos utilizados sexan de código aberto (CC). Se se utilizan recursos con dereitos de autor, a responsabilidade de uso dos mesmos recaerá sobre os creadores da peza audiovisual.
- Aceptaranse traballos realizados nos últimos 3 anos sempre que non se presentaran en edicións anteriores do concurso.
- Os participantes deberán inscribir os seus traballos cubrindo o formulario de inscrición que estará aberto ata o venres 8 de maio.
- Os traballos deberán estar accesibles a todo o público a través de Internet, ben aloxados nun servizo de streaming de vídeo como Vimeo, Youtube, DailyMotion, etc. ou ben utilizando algún outro servizo. Os participantes deberán indicar a dirección (URL) a través da que se pode acceder ao vídeo.
- Os participantes deberán indicar tamén o centro educativo (colexio ou instituto, escola, facultade, etc.) de procedencia do seu traballo, así como os datos dunha persoa de dita institución que o avale e que poida actuar de interlocutora con Marearte.
- Os vídeos de todos os participantes estarán enlazados dende o día 9 de maio no sitio web olloboi.com dende onde se poderá acceder a un formulario para votar en liña ata o venres 22 de maio.
- Establécense inicialmente 10 categorías de premios: 1 categoría especial financiada pola Asociación de Embarcacións Tradicionais, 1 categoría específica orientada a Universitarios/as e Escolas Audiovisuais e de Imaxe e Son, e as 8 restantes orientadas ao resto de niveis educativos.
- Olloboi Cómico: o máis divertido.
- Olloboi Peleón: o máis comprometido, crítico ou denunciante.
- Olloboi Fotoxénico: o de mellor fotografía, o máis estético.
- Olloboi DJ: o de mellor música orixinal.
- Olloboi Orixinal: a historia con mellor guión orixinal.
- Olloboi Animado: Animacións, Stop Motion, Time Lapse, etc.
- Olloboi Online: premio especial do público, elexirase por votación popular.
- Olloboi Zamburrioi: premio especial concedido pola Asociación Marearte.
- Olloboi Especial Embarcacións Tradicionais, financiado polo Encontro de Embarcacións Tradicionais, e que versará sobre o mundo do mar.
- Olloboi Universitario e de Escolas Audiovisuais: categoría específica para estudantes universitarios e de escolas de Imaxe e Son.
- Cada categoría contará con cadanseu premio, a contía dos cales se determinará en función das colaboracións e patrocinio acadados.
- A Organización resérvase o dereito a declarar deserta unha ou varias das categorías, así como a engadir categorías novas ao longo do desenvolvemento do festival.
- O tribunal estará constituido por membros da Rede Cómplice de Olloboi, da que se informará ao longo do desenvolvemento do concurso e que se poderá consultar en olloboi.com.
- A data e lugar de entrega de premios será na Gala OlloBoi 2015 que terá lugar o sábado 30 de maio na Casa de Cultura de Boiro.
- Calquera cuestión que poida xurdir ao longo do desenvolvemento do festival e que non estea reflexada nestas bases será resolta pola organización do festival.