Olloboi é un certame audiovisual escolar que transcorre nunha plataforma web os 5 primeiros meses do ano e culmina a última semana de maio con diversos actos presenciais: proxeccións, unha entrega de premios e un encontro de xoves creadores e creadoras, profesorado e profesionais do audiovisual. Trátase dun proxecto independente e sen ánimo de lucro que se nutre do traballo e a ilusión dos socios fundadores da Asociación Olloboi:
- Manuel Álvarez, profesor de Plástica no CPI Eusebio Baleirón de Dodro
- Manuel Garrido, profesor de Plástica no IES Leliadoura de Ribeira
- Óscar Aguado, profesor de Informática no IES Leliadoura de Ribeira
- Susana Diz, licenciada en Belas Artes e experta en comunicación gráfica
- Ana Moreiras, profesora de Tecnoloxía no IES A Cachada de Boiro
Somos un colectivo que canaliza a súa solidariedade a través da creatividade; preocupados porque no panorama da cultura galega non haxa un recoñecemento explícito das iniciativas audiovisuais escolares, decidimos traballar neste certame que premia a orixinalidade, arte e compromiso dos traballos de moitos futuros profesionais.
En Galicia hai moitas pequenas iniciativas promovidas por diversos centros educativos, pero ningunha que teña a envergadura da nosa: Olloboi é unha proposta que por repercusión e participación (máis de 100 inscritos de toda Galicia e 10 000 visitas na nosa web e redes sociais en cada unha das 2 edicións anteriores) aspira a ser plataforma da canteira do audiovisual galego.
Os custes do noso festival non son grandes porque capitalizamos o noso traballo: os propios organizadores creamos a aplicación web, levamos a comunicación e publicidade, producimos o evento e realizamos o grafismo. Calquera destes aspectos foi moi eloxiado pola prensa e os participantes das edicións anteriores.
A pesar de que o núcleo de traballo somos 4 profesores e unha artista gráfica, cada ano son máis as colaboracións coas que contamos, e que enriquecen moito o resultado obtido:
- Exalumnos e exparticipantes
- Concello e Centro Social de Boiro
- Mancomunidade de concellos de Arousa Norte
- “Profesorado cómplice” en diversos centros de Galicia
- Profesionais do audiovisual e a cultura galega: nas últimas 4 edicións tivemos cómplices directores (Alfonso Zarauza, Luis Avilés, Enrique Otero), escritores (Agustín Agra e Andrés Mahía), actores e actrices (Miguel de Lira, Antonio Durán Morris, Karra Elejalde, Mónica García, X.A. Touriñán, Federico Pérez, Sabela Hermida, Camila Bossa, etc), xestores audiovisuais (Manolo González, María Yáñez, Carlos Ares).
- Pequenas e medianas empresas e comercios da Arousa
- Academia Galega do Audiovisual, con quen xa estamos en contacto a través da iniciativa de Rede de Festivais Galegos
Pingback: Coming Soon… Olloboi 2014!! | OLLOBOI
Pingback: Gañadores Olloboi 2014!! | OLLOBOI 2014