A Asociación Olloboi convoca o Festival Audiovisual “OlloBoi 2016” que se rexerá polas seguintes bases:
Destinatarios e Requisitos
- Poderá participar calquera persoa ou grupo de persoas que pertenza ó ámbito escolar, incluíndo alumnado, profesorado, nais e pais e PAS. Os/As menores de 18 anos farano baixo a responsabilidade do seu titor ou titora legal.
- O concurso está dirixido a todos os niveis educativos: Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional, Universidade e Escolas Audiovisuais.
- Aceptaranse traballos de vídeo-creación (ficción ou documental) de duración preferentemente non superior ós 20 minutos.
- A temática e lingua dos traballos será libre, aínda que se valorará o uso do idioma galego, a sensibilidade medioambiental e social e o respecto ós dereitos dos animais.
- Terase en conta que as imaxes e audios dos traballos sexan propiedade dos autores do vídeo, quen consinten na divulgación do material na rede, sempre co recoñecemento da súa autoría e dos seus dereitos (recoméndase que os rexistren baixo licenza Creative Commons). De non ser material propio, recoméndase que os recursos utilizados sexan de código aberto (CC). Se se utilizan recursos con dereitos de autor, a responsabilidade de uso dos mesmos recaerá sobre os creadores da peza audiovisual.
- Aceptaranse traballos realizados nos últimos 3 anos sempre que non se presentaran en edicións anteriores do concurso.
- Os traballos deberán estar accesibles a todo o público en Internet, aloxados en Vimeo ou en Youtube.
Categorías
- Establécense inicialmente 10 categorías de premios:
- Olloboi Cómico: o máis divertido.
- Olloboi Peleón: o máis comprometido, crítico ou denunciante.
- Olloboi Fotoxénico: o de fotografía máis coidada.
- Olloboi DJ: a mellor interpretación musical, orixinal ou versión.
- Olloboi Guión: o mellor texto orixinal.
- Olloboi Animado: Animacións, Stop Motion, Time Lapse, etc.
- Olloboi Doc: para traballos de non ficción (documentais ou cine-ensaio).
- Olloboi Universitario: categoría específica para estudantes universitarios e de escolas de Imaxe e Son. Os participantes nesta categoría quedan excluídos das anteriores, que se reservan ós outros niveis educativos.
- Olloboi Online: premio especial do público.
- Olloboi Zamburrioi: premio especial concedido pola Asociación Olloboi.
Premios e Xurado
- Cada categoría contará con cadanseu premio, a contía dos cales se determinará en función das colaboracións e patrocinio acadados.
- A Organización resérvase o dereito a declarar deserta unha ou varias das categorías, así como a engadir categorías novas ó longo do desenvolvemento do festival.
- O Xurado estará constituido por membros da Rede Cómplice de Olloboi, da que se informará ó longo do desenvolvemento do concurso e que se poderá consultar en olloboi.com. Procurarase ter no mesmo a representantes do mundo docente e do audiovisual profesional.
Fases do Festival
- O festival desenvólvese nas seguintes fases:
- Inscrición de traballos en olloboi.com ata o 6 de maio
- Encontro Olloboi 2016 (datas e formato a determinar)
- Gala de entrega de premios, sábado 28 de maio na casa de cultura de Boiro.
Inscrición de traballos
- Os/as participantes deberán rexistrarse en olloboi.com indicando un correo electrónico válido que a organización utilizará para futuras comunicacións sobre a súa participación no concurso.
- Cada participante poderá inscribir tantos traballos como desexe a través do formulario que atoparán en olloboi.com.
- Para inscribir un traballo haberá que introducir a seguinte información:
- Dirección do vídeo en Internet: URL de Vimeo ou Youtube a través da que se pode acceder ao vídeo.
- Título do traballo.
- Descrición: onde se recomenda incluir unha breve sinopse, os créditos, e calquera outra información pública que poida ser de interese para a audiencia.
- Nivel Educativo: ao que pertence maioritariamente o equipo que elaborou o traballo (Infantil, Primaria, ESO, etc.).
- Centro educativo: colexio, instituto, escola, facultade, etc. de procedencia do traballo.
- Responsable do centro educativo: especialmente no caso de traballos presentados por alumnado menor de idade, e para facilitar a validación dos mesmos por parte da organización, recoméndase proporcionar os datos dun profesor ou profesora do centro que avale ou coordine o traballo e que poida actuar de interlocutor do centro con Olloboi.
- Comentarios: un campo extra opcional onde comentar calquera cousa sobre o traballo que de xeito privado se queira comunicar á organización. O seu contido será de uso interno e non se publicará.
Outras disposicións
- Calquera cuestión que poida xurdir ó longo do desenvolvemento do festival e que non estea reflexada nestas bases será resolta pola organización do festival, e comunicada o mellor e máis orixinalmente que se vaia podendo 🙂